RONDALLA DA AVCR SAN MAMEDE DE ZAMÁNS
A Rondalla de Zamáns ten unha gran andadura dende os seus comezos aló polos anos 40 ata o día de hoxe.
Nos seus inicios chegou a haber na parroquia 2 rondalllas pero co paso dos anos ambas desapareceron para dar paso á Rondalla que nace no seo do Centro Cultural de Zamáns en 1977.
Contaba con case 70 membros e recorrían vilas e pobos de todo Galicia na época do Nadal.
Ó longo dos anos contou con varios directores como Higinio Martínez, Amante Alonso, Cesáreo e Xosé Manuel Fernández (Muxicas) e o número de compoñentes foi variando.
No ano 1989 realízase a fusión da Asociación de veciños de Zamáns e do Centro Cultural, nacendo así a Asociación que coñecemos na actualidade co nome de AVCR San Mamede de Zamáns que alberga a Rondalla actual.
Na década dos 90 participaron en varios concursos acadando nunha das ocasións o 3º premio do Concurso de Rondallas do Concello de Vigo.
O seu director é Arsenio Martínez e está formada por 42 membros aínda que sempre está aberta á participación de todo aquel que o desexe.
O lugar de ensaio é o auditorio que se atopa no local da AVCR San Mamede de Zamáns.
A composición da Rondalla de Zamáns é a seguinte:
1 Capitán, 3 Abandeirados, 3 Cristos, Charrascos, Pandeiretas, Cunchas, Castañolas e Gaiteiros
Tódolos anos a Rondalla recorre os barrios da parroquia na época do Nadal, o barrio de Cidáns, Marcosende, Vilariño, Vilaverde, Casal de Abade, Paredes e Herville e o 6 de xaneiro pola mañá o barrio de Igrexa, e tocan unha canción que data do 1900 na Misa de Reis dedicada ós Reis Magos.